domingo, 10 de novembro de 2013

Curtametraxes de medo

Premendo en cada unha das imaxes podedes volver a ver as curtametraxes proxectadas neste samaín.








Lecturas de medo. Samaín 2013

Grazas a Sandra, Antía, Desi, Alba, Judith, Victoria, Nuno, Jecki e Elena de 6º por facernos pasar uns momentos "terroríficos" coas historias que nos leron para celebrar este Samaín.



As lecturas elexidas nesta ocasión foron:
 Para Educación Infantil, 1º e 2º.
  E os contos: "O defunto dos dentes grandes"
                     "As meigas de Canaval"
                     "O castigo da meiga" que podedes atopar neste libro de Galicia de conto.


domingo, 13 de outubro de 2013

A nena e o grilo nun barquiño

A biblioteca e o comedor do noso colexio serviron de escenario para a gravación dun videoclip musical.
O tema interpretado foi "Todos somos capitáns" que forma parte do libro-disco "A nena e o grilo" de Magín Blanco, moi coñecido para nós, sobre todo, pola súa Rumba das apertas.
Un grupo de nenos e nenas acompañaron a Magín interpretando a canción en linguaxe de signos, tamén estiveron con eles dous membros do grupo teatral Ghazafelhos que interpretaban os papeis de nena e grilo.



Recordade que na biblioteca xa contamos, dende hai tempo, co libro "A nena e o grilo"

E estade atentos ás novidades porque moi pronto teremos tamén "A nena e o grilo nun barquiño".

COMEZAMOS CURSO CON Iago López

Grazas á editorial Anaya poidemos contar, o primeiro día deste novo curso, coa visita do contacontos Iago López.

sábado, 22 de xuño de 2013

PRESENTACIÓN "Montañas na cama"

Pablo e Mario fixéronnos esta presentación do libro "Montañas na cama" da editorial OQO que chegou hai uns días á nosa biblioteca.



PRESENTACIÓN "Libros e Cine"



 Un grupo de nenos e nenas pertencentes ao club de lectura, despois de ler os novos libros que temos sobre historias nas que o cine ten un papel destacado, fixeron esta presentación.



mércores, 29 de maio de 2013

"En San Xoán tamén creamos"

Nenos e nenas de Educación Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria, acompañados e orientados por varios profes do centro, participan no concurso convocado por OQO Editora "Nós tamén creamos".
Elaboraron tres curtametraxes de animación versionando os contos: "Pilú, Pilú!", "A noite das mudanzas" e "Troco".
Non podemos publicar os traballos realizados mentres non se resolva o concurso pero podedes ir coñecendo as historias que ocorren en cada un dos contos premendo enriba das imaxes ou pedindo estes libros na biblioteca.

                

Moita sorte a todos e todas e noraboa pola vosa dedicación e esforzo.

venres, 17 de maio de 2013

Recreos de cine na biblioteca

Todos os mércores do mes de maio, durante os recreos, podedes disfrutar da proxección de curtametraxes de animación baseadas en contos da editorial OQO.



Make your own photo slideshow at Animoto.

Animádevos a vir e seguro que... disfrutaredes!!!
Recordade que unha vez que comecen as proxeccións non se poderá entrar nin saír da biblioteca.

Día das Letras Galegas 2013

Un ano máis celebramos hoxe o Día das Letras Galegas. Esta festividade ven celebrándose dende 1963 cando se homenaxeou a Rosalía de Castro por facer nese momento 100 anos da publicación da  súa obra "Cantares Gallegos".

A partir de entón foiselle adicando cada ano a unha figura representativa das letras galegas, tocándolle este a Roberto Vidal Bolaño (premendo enriba da foto poderedes saber máis sobre a súa obra).
E para coñecer mellor a Vidal Bolaño deixámosvos este vídeo feito polos alumnos e alumnas do CPI dos Dices de Rois.

luns, 6 de maio de 2013

ABRIL, mes do libro e da multiculturalidade.

Durante o mes de abril realizamos distintas actividades para conmemorar o día do libro e a multiculturalidade. Como podedes ver na presentación publicada na páxina web do cole, os nenos e nenas do terceiro ciclo tiveron un encontro con An Alfaya para comentar o seu libro "O aroma do liquidámbar"e os membros do club de lectura realizaron varias sesións de lecturas de Kamishibai con contos de diferentes países.




Por último, o mesmo día 23, levamos a cabo o III Apadiñamento Lector, baixo un maravilloso e esperado sol, no noso Xardín dos Valores.


luns, 1 de abril de 2013

VISITA DE JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO

      O pasado mércores 20 de marzo, estivo na biblioteca Jacobo Fdez. Serrano. Os nenos e nenas de primeiro ciclo leron o cómic "Marcopola a illa remeira"
e tiveron a ocasión de preguntarlle ao seu autor todo tipo de cuestións sobre a elaboración desta obra. Dende logo, Jacobo nos os defraudou en absoluto, contoulles paso a paso como creou a Marcopola, ensinoulles algún orixinal dos seus debuxos e anuncioulles como ía ser a seguinte aventura da illa.
Actuaron como presentadores Noa, Denis, Filipe e Elena de 2ºB, contándolle ao resto de compañeiros e compañeiras algunha cousa sobre o traballo de Jacobo: estudou Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid, é pintor, autor e ilustrador de cómics e libros para nenos, e recibiu algún que outro premio polos seus traballos. Tamén nos ensinaron outros libros do mesmo autor que temos na biblioteca, así como unha revista de Golfiño na que Jacobo publicaba o cómic das aventuras dos amigos de Archimboldo Roque.






domingo, 10 de marzo de 2013

XOGO: "E ti... que sabes de actrices galegas?"

Xa temos os resultados do xogo de preguntas sobre actrices galegas. Na seguinte presentación podedes ver as solucións ás preguntas, o listado de acertos e  os gañadores finais que neste caso foron:
Rubén, Noa e Elena de 2ºB con catro acertos cada un.
Felicidades a todas e todos xa que agora coñecedes máis actrices galegas e películas que interpretaron.


sábado, 9 de marzo de 2013

"SAN XOÁN DE PELÍCULA"

Así foi como comezou o proxecto do noso cole: "San Xoán de película", cunha presentación dramatizada por parte do profesorado que forma o equipo de Dinamización da Lingua Galega.
Ensináronos que hai varios xéneros de películas e fixéronos rir moito. Grazas a Antolín, Tere, María, Begoña e Mª José por facernos pasar este rato tan divertido.

No segundo e terceiro ciclo proxectouse unha presentación elaborada a partir dos libros "El cine 1" e "El cine 2" que temos na biblioteca.

domingo, 3 de marzo de 2013

"GALEGAS NO CINE"

Con motivo da próxima celebración do "Día da muller traballadora" e dentro do proxecto "San Xoán de película", queremos achegarvos unha pequena mostra de actrices galegas que triunfan no cine.


Aquí podedes atopar a información necesaria para poder participar no xogo proposto para esta semana: "e ti... que sabes de actrices galegas?"

ENCONTROS CON ESCRITORES

mércores, 13 de febreiro de 2013

ENTROIDO DE CINE

Este entroido o meco propúxonos un mandado cinematográfico cada día. Para inspirarnos, a nosa mascota Xoaniña, axudounos ensinándonos carteis de películas dos diferentes xéneros tratados: policíacas, de aventuras, cómicas, de terror e musicais.

Coñecimos a personaxes como Charles Chaplin e Groucho, Harpo e Chico Marx que nos fan rir moito; a Olivia Newton John e John Travolta cos que nos marcamos uns bailes, a detectives como Sherlock Holmes e aventureiros como Indiana Jones.

xoves, 31 de xaneiro de 2013

LECTURAS POLA PAZ

Unha das actividades levadas a cabo no colexio para celebrar o día da paz, foi a lectura de diferentes historias relacionadas con este tema. Os encargados de facer as lecturas foron os membros do club de lectura. Nesta ocasión María R. e Lucía de 6º, leron "A pomba dona Paz" e "Negros e brancos" en Educación Infantil e Primeiro Ciclo. André, Mario, Pedro, María H., Claudia, Yanira e Pablo de 6º leron "Mellor falar que pelexar" en 3º. Nuno e Jecky de 5º leron "A guerra dos números" en 4º. Elena, Judit, Victoria e Antía de 5º leron "Boca Cerrada" en 3º e 4º. Lara de 6º leu "Caixa de cartón" e "Fume" en 5º. E Alba de 5º leu "A historia de Erika" e "Fume" en 6º. Aquí vos deixo unha mostra fotográfica da actividade.

luns, 7 de xaneiro de 2013

"O LIBRO DOS REIS MAGOS"

Despois de moito pensar para escribir as nosas cartas aos Reis Magos, agora son eles os que se dirixen a cada un de nós  a través de contos, lendas, adiviñas... neste fermoso libro ilustrado por María Seoane e escrito por 25 das mellores escritoras galegas.